sábado, 15 de noviembre de 2008

O MEU PRIMEIRO DIA NA ESCOLA


Non recordo moito sobre o primeiro dia de clase… a penas recordo ese ano. Sei que tiña catro anos e que nos ergueu miña nai e levounos, a miña irmá máis pequena e a min, á escola. Estaba acostumada a que na casa me falaran da escola, e eu xa tivera preescolar na casa, así que tiña gana de empezar.
Entramos as dúas na mesma clase para que a profesora nos levara á nosa aula. Todos os nenos choraban e eu non conseguía entender por que. Despois de entrar, a mestra preguntounos os nosos nomes, e eu, que sempre pretendía protexer a miña irmá, díxenlle os nomes, apelidos e se me descoido, cóntolle tamén a miña curta vida. Había moito ruído fóra e tamén na aula, e algo que me chamou a atención foi que no medio do patio había dous pinos.
Cando xa estabamos na aula colocados, recordo que nos presentaron e que pasamos case toda a mañá xogando.
A miña clase era bastante ampla. Entrando pola porta, á dereita había moitas fiestras polas que entraba a luz e debaixo uns mobles cheos de xoguetes e de libros. Do lado esquerdo estaban as mesas; eran de cores: unhas amarelas, outras azuis e outras verdes. Estaban colocadas de forma que se nos sentabamos por grupos de cinco ou seis, e sempre tiñamos a alguén fronte a nós. Ó fondo estaba a televisión, a mesa da mestra, e o encerado detrás.
Outra cousa que recordo é que a moitos dos meus compañeiros a penas se lles entendía o que dicían, porque algún aínda non sabía falar.
Tamén nos puxeron unha película para que nos entretivésemos ou por se nos aburriamos.
Coñecemos ao longo da mañá á miña profesora. Chamábase Helena e sempre estaba rindo. Máis adiante decateime de que tamén sabía berrar.
Dese día non teño máis recordos, só sei que levei unha boa impresión, porque ademais acababa de chegar á vila e non coñecía a ninguén.

UN SAÚDO!!!

PD: Eu son a da dereita, non tiña outra foto miña no ordenador.

Lara Suárez Carreira
larasuarez_80@hotmail.com

No hay comentarios: