jueves, 13 de noviembre de 2008

O meu primeiro día de clase

Non me acordo do día, nin do mes que era.., nin sequera me acordo do tempo que facía, pero si recordo que cando vín aquel pequeno edificio branco con cortinas de varias cores nas xanelas, sentinme cunhas gañas enormes de entrar a dentro e ollar o que alí se agochaba...
Descubrín un mundo diverso, coma se fose unha vida allea onde houbese unha sorpresa tras outra e non tardei en decatarme que así era...
Había nenos coma min que facían debuxos, cantaban, xogaban e todo isto e moitas máis cousas que neste comentario non me collerían, baixo a supervisión dunha fermosa muller, cuxa cara e sobre todo dulce voz nunca esquecerei. Ela era a mestra María; alta, cunha pel moi branca e cun cabelo curto e louro que facía que a nosa instancia nesta humilde pero acolledora escola fose non só agradable, senón moi levadeira. isto conseguíao cunha dozura e un encanto que nos encandilaba a todos. era atenta e a todos nos trataba por igual. Era un exemplo a seguir.
A escola como vos dariades de conta era unha escoliña rural dunha soa pranta e unha soa clase onde estabamos sobre uns quince nenos de diversas idades. Dende os tres anos de idade até primeiro de EXB. Só estaba esta profesora e polo tanto impartía todalas clases. A escola contaba cunha porta e dúas xanelas na fachada e unha na parte de atrás. Tamén tiña un patio con columpios e un tobogán, ademáis dunha extensión para xogar ó futbol ou a outras actividades. Recordo que o primeiro día xa apostábamos canicas. Era o noso "deporte" favorito. No interior era todo un espazo aberto agás os baños dos nenos e das nenas. A aula era inesquecible con pupitres de diversos cores e coas paredes cheas de debuxos, de letras, de numeros e até había un taboeiro onde poñiamos o tempo que facía cada día cun sol, nubes ou choiva e incluso se nevaba pero iso dábase poucas veces e era unha pena porque nos encantaba. En fin.., aquelo que dicían que era a escola para min fora unha das sensacións máis gratas que recibira na miña curta idade.
Eu recén acababa de chegar de Suíza con tres anos e medio de idade e non coñecía a ninguén, pero ese primeiro día de clase fixen unha grande amizade cun rapaz co que aínda me levo ben hoxe. De feito podo dicir que se trata do meu mellor amigo.
A mestra xuntáranos para compartir plastilina e facer figuras con ela. Unha actividade a que nos dedicamos o primeiro diá de clase, a parte de facer debuxos e aprender a escribir o noso nome. Eu era a primeira vez que xogaba coa plastilina e colléralle un vicio tan grande que ata marchara con ela para a casa. A partir pois deste primeiro día de clase, a nosa amizade colleu ás. Sempre estivemos xuntos até o instituto.
Dos demáis compañeiros tamén fixen boas amizades pero pouco a pouco e hoxe en día teño trato con todos eles e somos como unha "piña". Isto en parte tamén é normal debido a que somos da mesma aldea ou redores e o trato non se perde se seguimos sendo veciños.
En resumo, o primeiro día na escola foi un día de grandes emocións onde todos estabamos felices e non había sitio para as lágrimas. A escola non só me axudou para formarme academicamente senon que tamén me valeu para aprender valores e para saber o que a amizade representa.

Pérez Blanco, Francisco Luís

No hay comentarios: