
Recordo o meu primeiro día de escola en 2º de primaria, que foi cando cambiei de colexio, pois ata entón estiven nunha escola unitaria da miña vila.
Era, polo tanto, o meu primeiro día nese colexio no que todo era novo: os mestres, as aulas, os compañeiros...agás algúns nenos e nenas que xa coñecía da anterior escola.
O colexio era moi grande, tiña varios patios de recreo; un para os máis pequenos e outro para os máis maiores;unha pista de fútbol e outra de baloncesto;diversas fontes pequenas ó longo do patio;e logo, dentro, había moitas aulas.
Antes de entrar ás aulas reunímonos todos na entrada e alí comezaron a chamarnos por orde de lista para dividirnos en clases. Eu estaba moi nerviosa, porque era unha escola diferente, pero por outra parte tamén estaba moi contenta porque ía empezar unha nova etapa. Unha vez que nos chamaron entramos coa mestra que nos correspondía, e os nosos pais acompañáronnos ata a aula. Algúns nenos choraban porque non querían quedarse alí (como lle pasa normalmente a moitos nenos cando comezan o curso), pero eu aínda estaba máis contenta porque estaba na mesma clase que unha amiga miña, da cal teño un recordo especial, pois a partir de aí naceu unha gran amistade.
A miña aula non era moi grande, tiña un encerado, un armario para gardar material escolar, moitos debuxos pegados na parede, a mesa do mestre, e as nosas mesas, que estaban colocadas en forma de "U".
Cando marcharon os pais, a mestra comezou a falar con nós. Chamábase Lolita, era dunha avanzada idade, e aparentaba ser moi boa, de feito, así foi.
A clase ese día dividiuse en tres partes: primeiro fixemos unha presentación, é dicir, cada alumno debería dicir o seu nome e o lugar onde vivía, para así coñecernos todos mellor. Logo, a mestra propuxo falar do que fixeramos aquel verán e , de un en un, fomos contando as anécdotas máis destacadas do verán. Ó principio, como tiñamos algo de vergoña, falabamos moi pouco, pero cando fomos collendo confianza, queriamos falar todos á vez.
Por último, a mestra díxonos o material que precisaríamos para ese curso. Ademais, recordo que a mestra nos dou unha folla co material necesario para o curso e tamén nos regalou un lapis moi bonito con debuxos de animais, o cal no fixo moita ilusión a todos.
Finalmente, regresaron os nosos pais a buscarnos, e todos estabamos ilusionados contándolle o noso primeiro día de escola.
Casualmente, este ano terei unha experiencia similar a ese curso, xa que farei as prácticas en 2º de primaria.
Miriam Ruso Valiña
(miriamrv_89@hotmail.com)
No hay comentarios:
Publicar un comentario