Ola a todas e a todos,
Estou facendo as prácticas no colexio La Salle co titora dun grupo de 4º de primaria. Estou case sempre cos mesmos rapaces e aínda que eu son da especialidade de lingua estranxeira estou axudando en todas as materias (excepto música, relixión e educación física). Cando o meu grupo ten esas materias vou coa titora a un grupo de 6º de primaria para ensinar Lingua castelá. Tamén vou dúas veces á semana a sesións de reforzo. Nun caso cunha alumna que é repetidora de 4º e no outro caso cun rapaz de 2º que ten problemas de lectoescritura.
Estou moi contenta coa experiencia e creo que lle estou sacando moito beneficio porque estou tocando moitos aspectos do labor docente. Dous días tivo que faltar a profesora coa que fago as prácticas e deixoume todo preparado para que me ocupara eu das clases (sempre cun profesor ou profesora substituta de apoio). O alumnado non se porta todo o ben que os profesores desexarían e moitas veces saímos tarde ao recreo o se lles castiga varios minutos calados fronte ás mesas. É imposíbel facelos calar, claro que eu xa empezo a pensar até que punto é necesario un silencio absoluto…
Os dous primeiros días a miña acción nas aulas reduciuse practicamente á observación e á escolita, pero desde o mércores pasado xa estou corrixindo probas, fichas e algún exame, tamén teño que arquivar e resolver a dudas (que sempre teñen tropecentas!) mentres fan exercicios de libreta. Estouno pasando moi ben e estame pasando o tempo moi rápido. Xa nos dixeron que aínda que as prácticas rematan o 18 se queremos podemos ir ás actuacións de Nadal e ir ao centro neses últimos días para ver aos “nosos alumnos” facer as súas obras.
Cecilia Pérez Riestra
No hay comentarios:
Publicar un comentario