Parece que foi onte cando comezaba as prácticas e xa van dúas semanas, o tempo está pasando moi rápido mais a pesares diso estou intentando aproveitalo ó máximo posto que é unha das poucas oportunidades que teño para estar na realidade do mundo docente. A primeira semana de clases, sobre todo os primeiros días, foron, para min, un pouco de tanteo do terreo, de ver como actuaba a profesora e ver ata que punto podía intervir eu nas clases, de ver como era a dinámica da clase, da forma de actuar dos nenos, non só entre eles senón tamén comigo, do que debo salientar que tanto a titora como os nenos foron e son moi cercanos.
Practicamente desde o primeiro momento estiven en contacto cos nenos, mentres fan exercicios eu vou paseando pola clase e resolvendo as posibles dúbidas que poidan ter, corríxolles os exercicios centrándome sobre todo nos nenos que teñen máis dificultades, pero sen desatender ó resto. A verdade é que me gusta que me pregunten cando no entenden algo, faime sentir como unha profesora. Hai un neno en concreto que cando non entende algo sempre me ven a buscar porque sabe que eu non lle berro e a outra profesora bérralle moito, a verdade é que é un pouco despistado este rapaz mais non sei se o berro constante é eficaz.
A medida que pasan os días vanme xurdindo preguntas sobre a docencia: Debemos seguir ó pé da letra o libro de texto? Como atender as necesidades educativas de todos os nenos/as? Como resolver conflitos entre os rapaces sendo xusta? Dúbidas que me xorden ó ver determinadas actuacións que se levan a cabo na miña clase. Hai algunha destas dúbidas das que teño a miña opinión como é a dos libros de texto; persoalmente penso que non o seguiría tan ó pé da letra, sobre todo en certas materias como plástica ou incluso as linguas, mais quen sabe o que farei nun futuro. Das outras dúas dúbidas polo de agora non teño resposta posible, quizais coa experiencia poida ir acadando solucións a isto mais agora o feito de atender a todos os nenos/as (25 alumnos/as) o vexo moi difícil, sempre queda algún neno/a sen atender, o que me dá moita rabia. Son moitos nenos/as e todos queren ser atendidos, ás veces teño como 6 ou 7 rapaces ó meu redor esperando para que lle corrixas o exercicio, para preguntar algo o algún para contarte que a súa irmá estivo de aniversario o día anterior. É certo que hai que atender ós nenos que teñen máis dificultades mais tamén hai que atender ó resto; o feito de que sexan bos estudantes non implica que non debamos facer un seguimento dese nenos/as.
Supoño que a medida que pasen os días xurdirán máis preguntas e algunhas poderanse responder a curto prazo e outras deberán esperar un pouco máis.
Un saúdo.
Ana Leis
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
No hay comentarios:
Publicar un comentario