Cando escoitaba dicir “25 alumnos/as son moitos para un só mestre” sempre se me viña á cabeza o mesmo “entón, como facían antes, cando éramos 40 nenos/as nas aulas?” a resposta vouna obtendo cada día que paso nas prácticas. Os nenos de agora pouco ou nada teñen que ver cos de antes, nin mellores nin peores, simplemente diferentes; e, polo tanto, tamén deberemos actuar con eles de forma diferente.
As diferenzas de nivel, de actitude, de personalidade… dos nenos/as fan da aula un ámbito moi heteroxéneo o que non implica que non debamos atender a tódolos rapaces/as. É obvio que ós nenos/as que van un pouco máis atrasados hai que prestarlles moita atención, porque como os deixes un pouco xa non fan nada, mais aqueles que van ben tamén necesitan atención e tamén necesitan que se lles corrixan os exercicios. Que sucede entón? Cando estás corrixindo e algún neno ten algo mal intento non darlle a solución senón que discorra un pouco e sexa el mesmo o que vexa onde está o erro; mais o feito de que te pares un pouco con un, implica que se che acumule o traballo para corrixir, que os cativos te metan os libros ou libretas diante do nariz para que llo mires, debes saber, se queres ser xusta, quen está primeiro para corrixir pois é algo que eles teñen moi presente (“Estaba yo primero”), e ademais mentres non teñen que facer, abúrrense e andan facendo o indio pola clase adiante.
Ás veces gustaríame ter 25 mans para poder atendelos a todos porque son consciente que moitas veces quedan nenos sen atender por falta de tempo e iso non me gusta nadiña; supoño que coa experiencia serei capaz de atender se non a todos polo menos á maioría.
Un saúdo
Ana Leis
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
No hay comentarios:
Publicar un comentario