martes, 17 de noviembre de 2009

Outro día máis... (17/11/2009)

Segundo día no Colexio Pío XII; desta volta xa sei cara onde teño que ir, xa teño a miña clase (1ºB); diríxome cara ela e polo camiño atópome con algúns dos alumnos/as que me saúdan e me chaman para comentarme calquera cousa, como por exemplo, o que lle trouxera o Ratonciño Pérez o día anterior. Resulta do máis agradable ver como os cativos/as te ven como unha profesora máis e te contan as súas cousas con toda confianza, como se levaras alí moito tempo.
Chegan as 9, os nenos/as van entrando na aula saudando e deixando as súas mochilas e abrigos no colgadoiro e pouco a pouco vanse sentando. Nótase que son as primeiras horas da mañá porque están moi tranquiliños, quizais porque algún deles aínda non está esperto de todo.
Comezamos a traballar a lectura en castelán; o obxectivo é que lean todos, polo que emprega dúas horas para dita actividade. Cada neno le un trociño dun conto e fáiselle preguntas sobre o que leu. Na lectura vese unhas diferenzas de nivel considerables entre os rapaces/as, hai nenos que len perfectamente e outros que incluso chegan á silabación. Ó escoitalos vénseme unha pregunta á cabeza: que método de ensinanza empregan na lectura na Educación Infantil? A resposta que obteño é: “cada un o que lle dá a gana”; isto lévame a pensar que, posiblemente, non haxa moita coordinación entre os profesores de Educación Infantil e Primaria, cando esa coordinación, dende o meu punto de vista, é fundamental.
As dúas últimas horas de clases son unha tortura pois os cativos/as despois do recreo veñen alterados e, se un fala, os outros falan máis alto aínda e a profesora, obviamente, berra máis. O que non me explico e como non queda sen voz con todo o que berra. “O problema de hoxe é que non hai disciplina” así xustificaba a mestra a actuación alborotadora dos nenos/as; ambas coincidiamos en que o problema radicaba, inicialmente, nas familias. Non debemos esquecer unha cousa: A EDUCACIÓN COMEZA NA CASA. Hai recursos para facer calar ós nenos/as que co paso do tempo non cambian; para que os nenos/as se relaxaran tiñan que cruzarse de brazos, baixar a cabeza e “durmir”, digo que non cambian pois isto xa o facía eu cando estaba na primaria e daquela época xa pasaron uns cantos anos.
Despois de estar traballando coas Matemáticas e co Coñecemento do Medio, rematando actividades que quedaran incompletas o día anterior, chega o momento de Plástica, materia que lles gusta a todos e coa que se entreteñen a pesares de teren un libro, segundo a mestra, que non vale absolutamente para nada.
Pouco a pouco vou introducíndome máis no mundo real da docencia. Un mundo do que teño oído falar na teoría pero que non coñecía na práctica, non sendo clases particulares ou ensinando actividades deportivas, mais nada que ver co que estou a ver nestas prácticas.
Este mes na escola será un primeiro paso para saber se realmente quero que este sexa o meu futuro; polo de agora, si quero que o sexa.

Ana Leis Uriz

No hay comentarios: